Sunday 19 de May de 2024

O programa educativo municipal Educa Saúde chega na súa cuarta edición aos centros de educación secundaria da cidade


Dende esta semana, a iniciativa renóvase para adaptar os seus contidos os alumnos con idades comprendidas entre os 12 e 18 anos tratando aspectos como os trastornos da conduta alimentaria, a prevención da violencia, redes sociais e educación afectiva – social

O concelleiro de Educación, Deportes e Xuventude, Francisco Mourelo, adiantou esta mañá algunha das novidades da IV edición do programa educativo municipal Educa Saúde que, dende esta semana, se imparte en centros de educación secundaria. “O programa márcase un novo reto e chega agora aos institutos de secundaria da cidade cun contido renovado e adaptado a persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 18 anos, de extraordinaria actualidade, organizado en catro grandes bloques e impartido por un equipo multidisciplinar formado por pediatras, enfermeiras, psicólogas e asistentes sociais, avalado pola Sociedade de Pediatría de Galicia”, destacou o concelleiro.
Neste sentido, Francisco Mourelo, explicou os contidos dos catro bloques que se desenvolven:
– Trastornos de conduta alimentaria. Fálase de alimentación saudable, mitos sobre a alimentación, os diferentes referentes de beleza ao longo dos anos e, finalmente, danse unha serie de indicativos que poderían detectar o inicio de trastornos relacionados coa alimentación.
– Violencia e a súa prevención. Sobre o respecto e empatía cara ao outro, os celos nas relacións amorosas e condutas e comportamentos que son a antesala dalgún tipo de violencia como a violencia de xénero ou o bulling.

– Novas tecnoloxías. Neste bloque trátanse aspectos como o uso das TICs, os riscos e beneficios da súa utilización. Céntrase no sexting, o grooming e o ciberbulling, ofrecendo aos participantes consellos sobre o correcto uso das novas tecnoloxías e redes sociais, así como as consecuencias da súa mala utilización.
– Educación afectivo – sexual. Tratarase cos alumnos e alumnas conceptos básicos en canto a fisioloxía, diferentes tipos de relacións sexuais, anticoncepción, enfermidades de transmisión sexual ou mitos en torno á sexualidade.
Os institutos participantes nesta edición son Monelos, UrbanoLugrís, Sardiñeira e Monte dás Moas, así como os colexios de Las Esclavas e San José de Calasanz. Ao mesmo tempo, as actividades de Educa Saúde para familias e escolares de infantil e primaria tamén seguirán realizándose nas EIM de Carricanta e Arela así como no CEIP José Cornide Saavedra.
“Entre infantil, primaria e secundaria participarán nesta IV edición do programa que comezou esta semana e se prolongará ata o mes de maio, 1.873 alumnos e alumnas de secundaria (de 12 a 18 anos) e 1.362 escolares de infantil e primaria (de 1 a 12 anos). En total, 3.235 alumnos de 9 centros educativos da cidade”, destacou Mourelo.
O concelleiro recordou que, durante o primeiro trimestre do presente curso escolar, xa participaron en Educa Saúde o CEIP Concepción Areal, o Fogar de Santa Margarida, a Grande Obra de Atocha, e as EIM Dos rosales e Carmen Cervigón. En total participaron 2.036 escolares de 1 a 12 anos.
“Dende a súa primeira edición, participaron no programa Educa Saúde, coa colaboración da Fundación María José Jove, pasaron 12.611 escolares e 4.259 familias de todas as escolas infantís municipais, centros públicos de infantil e primaria e centros de educación especial da cidade, concluíu Francisco Mourelo.